Arrancan as obras de acondicionamento da AC566, dende a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, cun investimento de máis de 3,6 millóns de euros

Os traballos, cun prazo de 18 meses, mellorarán o trazado da estrada cara a Cedeira, habilitando carrís de adiantamento case na metade do treito

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, cun investimento autonómico de máis de 3,6 millóns de euros.

Esta actuación, cun prazo de execución de 18 meses, recolle a redefinición do trazado en 4 km da estrada que vai a Cedeira, ao seu paso por Valdoviño, dotándoa dun terceiro carril para vehículos lentos e coas mínimas afeccións ambientais na zona de protección de Rede Natura.

Ensancharase e reforzarase o firme desta estrada ao longo de algo máis de 2 quilómetros. Nos outros preto de 1,9 quilómetros que comprenden a actuación, procederase á rectificación de curvas, á mellora de interseccións ou cambios de sentido e ao aumento de sección, habilitando un carril adicional para favorecer os adiantamentos.

Deste xeito, a intervención permitirá habilitar carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito no que se actúa.

Ademais, aínda que no inicio da actuación se van executar carrís adicionais na estrada para favorecer adiantamentos máis seguros, a vía manterá o seu trazado actual ao seu paso pola canteira e o pequeno val que hai nese punto, para minimizar afeccións. Na canteira rectificarase a curva que hai ao seu carón.

Igualmente manterase o trazado actual da estrada cara ao treito final da actuación, chegando á Ramalleira, para non afectar ás numerosas edificacións que hai en ambas as marxes.

As obras de mellora na AC-566 favorecerán a mobilidade dos veciños, fundamentalmente de Valdoviño e de Cedeira, e incidirán no reforzo da seguridade viaria de todos os usuarios que transiten por esa vía, pola que circulan uns 5.000 vehículos ao día.

Tamén propiciará desprazamentos máis cómodos e tempos de percorrido máis reducidos entre os municipios da zona. Estímase que unha vez realizada a mellora se poderá reducir en preto dun 30% o tempo de tránsito polos 4 quilómetros de estrada que se acondicionan.