Arrancan as actividades teórico-prácticas para achegar o surf ao alumnado do CPI Atios
Incluídas no proxecto Ares e Valdoviño no Mar, a primeira desenvolveuse esta mañá no centro, guiada por Valdo Surf coa participación dos e das estudantes de 6º curso de Educación Primaria
Valdoviño, 2 de xuño de 2022. O programa Ares e Valdoviño no Mar, que promoven os 2 concellos co apoio dos GALP, continuou hoxe cunha nova acción dirixida aos estudantes do CPI Atios: un obradoiro sobre o surf, con práctica de surfskate no pavillón, a cargo da escola Valdo Surf. Nela participaron os alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria.
Na sesión, os monitores de Valdo Surf abordaron contidos como o patrimonio litoral do municipio e, sobre todo, o surfing en Valdoviño. Dende a formación das ondas ata como aproveitar a corrente para a propia seguridade e para coller as ondas, así como cuestións de carácter medio ambiental. Unha xornada previa ao bautismo de surf previsto para o próximo mércores.
A partir de aí, as actividades continuarán o 10 de xuño cun novo obradoiro de sensibilización nas aulas para 2º da ESO e a cargo de Pantín Surf Camp; o 15 de xuño coa saída á praia destes últimos, e o 16 de xuño cunha nova sesión de bautismos de surf.
As actividades inclúense no proxecto «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no Mar», que desenvolven os 2 concellos co apoio do GALP A Mariña-Ortegal e o GALP Golfo Ártabro Norte. Conta, tamén, coa colaboración de diferentes entidades clave no territorio como o Club de Remo de Ares e a Asociación de Escolas de Surf de Valdoviño e, entre os seus obxectivos, busca realizar accións de sensibilización, visibilizar a actividade mariñeira ou a transmisión de valores como a sustentabilidade tanto no desenvolvemento da práctica deportiva como nos sistemas de extracción artesanal.