Arranca un novo curso no Punto de Atención á Infancia con todas as prazas cubertas

20 pequenos e pequenas comenzaban este xoves un periodo de adaptación que se estenderá segundo o ritmo imposto polas propias crianzas

A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia tense consolidado nos seus apenas catro anos de existencia nun recurso clave para a conciliación da vida laboral e o coidado dos fillos e fillas por parte das familias de Valdoviño. Así, este ano, e por primeira vez dende que abrira as súas portas en pleno paseo da Frouxeira, inaugura o curso con todas as prazas cubertas. Dende este xoves, 20 nenos e nenas de 0 a 3 anos participan da súa oferta formativa. Comezaron, iso si, unha fase de adaptación coa presenza das familias que se prolongará dependendo do propio ritmo das crianzas, aínda que se estima arrancar co horario habitual a mediados de mes. 

Novamente, as medidas de prevención fronte á covid-19 marcarán o día a día nas instalacións e, como no curso pasado e na medida do posible, potenciaranse ao máximo as actividades no exterior, tanto na zona ao aire libre como na cuberta.