Arranca oficialmente o Pantín Classic 2020, baixo medidas extraordinarias fronte á covid-19

A primeira xornada de competición iniciouse coa categoría feminina

Mentres no mar se disputaba a primeira rolda da categoría feminina, en terra presentábase oficialmente este mediodía o Pantín Classic 2020. A organización do lonxevo certame de surf, que se celebra ata o vindeiro domingo na praia do Rodo, realizou un importante esforzo para adaptar a proba á “nova normalidade”, con medidas extraordinarias para previr a transmisión da covid-19, e acadou manter o nivel de edicións anteriores.

O director do evento deportivo, Marcos Rodríguez, agradecía durante o acto, ao que non faltaron representantes das institucións públicas e de empresas patrocinadoras como Abanca,  Gadis ou  Vithas, a presenza dos competidores no certame, tendo en conta a situación sanitaria actual. E destacaba ademais a boa acollida que tiveron as medidas preventivas esixidas para a competición.

En representación da Xunta, o secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, definía o Pantín Classic como “unha riqueza para Valdoviño e para Galicia”, e subliñaba que a súa celebración constitúe unha aposta por recuperar aos poucos a normalidade. E a secretaria xeral de Igualdade, Natalia Prieto, destacaba ademais o compromiso do certame na loita contra todo tipo de discriminación, incidindo en que o surf serve como vehículo para inspirar valores como o respecto e a colaboración.

Pola súa banda, Alberto González, alcalde de Valdoviño, sostiña que os deportistas que participan neste certame son exemplos a seguir para continuar vivindo dentro desta nova normalidade. Engadía tamén o rexedor municipal que o evento reforzou a imaxe de Pantín e de Galicia como destino seguro para o deporte.

Hai que lembrar que, a diferencia de anos anteriores, para asistir Pantín Classic 2020 cómpre rexistrarse na web oficial do certame, e descargarse un código QR para acceder ao recinto, o que permite controlar en todo momento o número de asistentes, ademais da súa identidade e o tempo que permanecen nas instalacións. Ademais é obrigatorio o uso de máscara e gardar a distancia social.

No referente á competición, nesta primeira xornada rexistráronse grandes condiciones de ondas o que axudou ao espectáculo. Máis de 50 surfistas inscribíronse para a proba feminina que, dende as primeiras mangas, deixou patente o alto nivel competitivo das deportistas. Entre os nomes propios que hai que destacar figuran o da portuguesa Yolanda Hopkins, que conseguiu a mellor onda da mañá e o de Teresa Bonvalot, que acadou a mellor puntuación total da xornada.