Arranca o curso na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia con todas as prazas cubertas

Vinte nenos e nenas inician a actividade, en periodo de adaptación

Valdoviño, 1 de setembro do 2023. Tras o parón do mes de agosto, a Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia reabría hoxe as súas portas para recibir aos nenos e nenas e ás familias que recurrirán este curso a este recurso municipal de conciliación da vida familiar e laboral. Serán 20 pequenos e pequenas, con idades comprendidas entre os 4 meses e os 3 anos. Unha cifra que supón o 100% das prazas ofertadas no centro, que afronta o seu primeiro curso trala gratuidade do servizo aprobada polo Concello de Valdoviño. 

Comeza agora o periodo de adaptación, que durará uns 15 días, e se realizará por grupos e coa presenza inicial das familias, ampliando progresivamente tempos, de modo que xa rematando este mes de setembro todos os nenos e nenas acudan nos horarios habituais do centro situado no paseo da Frouxeira.