Arranca o curso na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia con estritas medidas de prevención fronte á covid-19

Dez nenas e nenos iniciaron esta mañá a fase de adaptación

Os dez nenos e nenas matriculados na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia iniciaban esta mañá o curso entre estritas medidas de prevención fronte á covid-19. Comezan unha fase de adaptación atípica que se prolongará dependendo do propio ritmo das crianzas, aínda que se estima arrancar co horario habitual de 8 a 16 horas a finais da semana que vén. Entrada escalonada entre as 8 e as 10 horas, cambio de calzado e retirada de chaquetas e abrigos, que quedan fóra do centro. O mesmo que os seus pais e nais, que acompañan ás crianzas tan só ata o acceso, nun vestíbulo acristalado habilitado ex profeso polo Concello de Valdoviño.

 

A partir de aí, control de temperatura e recollida de mandilóns. As instalacións mudaron tamén por mor do coronavirus, con dispensadores de hidroxel e de papel -que substituirá ás toallas e panos- a cada paso. Incorporouse un equipo de desinfección de xoguetes e despexouse ao máximo o espazo de elementos, xa que tan só se manteñen aqueles que permiten unha limpeza continua. O persoal do PAI terá precisamente que compatibilizar o coidado e ensinanza no centro con estas labores, constantes.

 

Así mesmo, potenciaranse ao máximo as actividades no exterior, tanto na zona ao aire libre como na cuberta e as familias xa recibiron a solicitude de achegar unhas botiñas de auga e uns abrigos específicos para aproveitar ao máximo xardín e patio. No interior, a ventilación será constante.

 

Este ano o Concello tamén reduciu as prazas: das 20 ofertadas ata as 10 actuais. Iso si, a partir de novembro, abrirase unha nova matrícula para ocupar as 4 que se ofrecerán a maiores.

 

A fin de minimizar riscos, as merendas e a auga son adquiridas pola Aula da Natureza e os portacomidas, que seguen a achegar as familias, son desinfectados ao entrar ao centro. Medidas todas elas que buscan un curso o máis seguro posible no marco da nova normalidade.