Arranca en Valdoviño o Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

Xunta e Servizo Público de Empleo Estatal financian o programa que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

Valdoviño, 4 de febreiro de 2022. Nove mulleres en situación de búsqueda de emprego empadroadas en Valdoviño participan dende esta semana na nova edición do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral. Na primeira xornada, o alcalde, Alberto González; a concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez; o edil de Servizos, Benito Vega; e os técnicos de Emprego, Marga Leirachá e Pedro Arias, daban a benvida ás mulleres participantes no auditorio da Casa da Cultura, onde arrancaba o programa en Valdoviño cun obradoiro de fomento da capacidade emprendedora. 

A Xunta e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 217.500 euros sobre 250.000 euros do custo total, e beneficiará no seu conxunto a 100 mulleres dos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. Na procura de acadar a súa inserción laboral, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción) con accións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria, administración, comercio e loxística, peixaría…) como de tipo transversal (informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…).

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%. 

É importante subliñar que todas estas accións se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñen menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poden beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, teñen dereito a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia ás accións do programa. Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ao mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.