Arranca en Valdoviño EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural

Aínda queda algunha praza libre para sumarse ao proxecto

O proxecto EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural arrancaba onte á tarde no local social de Vilaboa coa participación de 9 mulleres. E, nas próximas semanas, sucederanse diferentes obradoiros que combinarán formación presencial neste escenario e tamén a distancia. Aínda queda algunha praza libre, co que as mulleres interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo enviando un correo electrónico a servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou chamando ao teléfono 981 48 70 41 extensión 5.

EspadELA nace en 2018 impulsada pola cooperativa Arabías da man do Sindicato Labrego Galego e financiada pola Deputación da Coruña. Un proxecto co que crear espazos de traballo no plano persoal para mellorar as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. A primeira edición e a segunda da escola desenvolveuse nos municipios de Arzúa, Ordes, Betanzos e Moeche obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes. Nesta terceira, bota a andar en As Pontes, Cabanas e Valdoviño.

Os obradoiros a realizar son os seguintes:

-“Con voz propia”:  traballarase arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abordarase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.

-“Enredad@s”: centrado nas novas tecnoloxías, realizará unha aproximación ás posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais traballando o manexo práctico de dispositivos móbiles que facilitan a comunicación e o traballo en rede.

-“Habitando o noso corpo”: arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizaranse ferramentas da biodanza, da atención plena e do ioga integral, como medios para chegar a esta conexión sempre dende o goce e o autocoidado.

-“Saberes en común”: recuperación e posta en valor de saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.

 

 

.