O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do remate das obras de acondicionamento dos camiños de Muíño, na parroquia de Lago, e máis de Riobó, na de Meirás. Intervencións financiadas con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 de Agader. A achega, que o Concello percibirá en dúas anualidades, permitirá o financiamento do 98,83% das intervencións. Así mesmo, o investimento destas actuacións, xunto con outras dúas obras de mellora nos camiños da Espiñuda (Aviño) e Cumiños (Meirás), elévase ata os 41.500 euros.