Excursión a Valdoviño para coñecer o seu Museo do Surf d@s nen@s dos campamentos municipais de Guitiriz
O Concello de Guitiriz elixiu Valdoviño este ano para realizar as primeiras excursións dos seus campamentos deportivos de verán nos que participan uns 40 mozos e mozas da localidade. E esta semana o técnico municipal Manuel Martínez desprazábase ao noso municipio cos rapaces e rapazas en dúas quendas. O pasado luns coñecían e disfrutaban da praia da Frouxeira pola mañá e trasladábanse a Vilarrube pola tarde para practicar paddle surf. Unha experiencia única para os nenos e nenas.
Esta mañá reeditábase a visita cun segundo grupo de 21 nenos e nenas. Acompañados tamén da alcaldesa, Marisol Morandeira, visitaban o Océano Surf Museo, o único en España adicado en exclusiva ao surf. Como guías actuaron o rexedor de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra. Encargáronse así de descubrir os segredos do museo, nun percorrido pola historia do surf dende as súas orixes ata a actualidade e con presenza destacada das praias do noso municipio.
A visita dos rapaces e rapazas de Guitiriz continuará esta tarde na Frouxeira, onde practicarán surf.