Valdoviño conta cunhas 2.700 prazas de estacionamento nas inmediacións das súas praias, das que 750 reservaranse a veciñ@s
O Concello de Valdoviño conta con preto de 2.700 prazas de estacionamento para dar servizo aos usuarios e usuarias das súas praias principais. Desa cifra total, unhas 750 estarán reservadas para uso das persoas empadroadas no Concello e tamén traballadoras e traballadores ligados ao mar e aos areais, tal que mariscadoras, percebeiros ou persoal dos establecementos de hostalería situados a pé de praia. Na práctica, estes últimos poderán estacionar nesas zonas ou nas de uso libre. Esa reserva de aparcamento entrará en vigor a próxima semana e, dende hoxe, poderanse retirar as tarxetas identificativas na Oficina Municipal de Turismo sita na Porta do Sol.
Dende o Concello lémbrase que en Valdoviño non está restrinxido o acceso ás praias e que ante a necesidade de adoptar medidas de prevención pola COVID-19 decidiuse controlar o aforo dos areais a través da regulación do estacionamento. En todo caso, para acceder ás praias tamén existen alternativas a aparcar a escasos metros delas como desprazarse en transporte público ou deixar o vehículo en zonas próximas e realizar o último treito a pé. Así mesmo, e para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida, delimitáronse prazas reservadas en todos os areais e permitirase acceder ata a zona máis próxima do areal para trasladar á persoa afectada por eses problemas de mobilidade.
Por praias, na Frouxeira hai actualmente unhas 900 prazas de estacionamento, das que 250 estarán reservadas a persoas empadroadas e traballador@s sinalados. En Outeiro -Lago-, hai unhas 90 prazas, das que 50 estarán reservadas. Respecto a esta zona, sinalar que o Concello xestionou coa Demarcación de Costas e a Xunta a posibilidade de incorporar novos espazos, aínda que está á espera dunha resposta. Tamén con propietarios privados e vén de lograr a cesión temporal dunha parcela duns 2.000 metros cadrados a 500 metros do areal. Hoxe, iniciou a súa limpeza e, nas próximas xornadas, procederase ao seu acondicionamento. Na Mourillá -Meirás-, hai 150 prazas, reservadas para o colectivo de traballadores do mar e, a apenas 5 mins, habilitáronse xunto ao campo de fútbol outras 300 de uso libre. Na zona de Fontesín hai 110 prazas, das que 40 estarán reservadas para empadroad@s.
En Pantín, das 500 prazas, 100 estarán reservadas para empadroad@s e, no Baleo, as 200 prazas dispoñibles repartiranse ao 50% entre zona de empadroad@s e de acceso libre.
E en Vilarrube, das 150 prazas, un centenar estará reservado para empadroad@s e mariscadoras.