O Concello activa o Programa Mellora, de formación e acceso ao emprego
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, anunciou esta mañá a posta en marcha do Programa municipal Mellora, de formación e acceso ao emprego. Un programa que arrancará a próxima semana con dúas accións formativas centradas no eido social e sanitario. O prazo de inscrición está aberto no departamento municipal de Servizos Sociais, chamando ao 981 48 70 41 extensión 5.
A primeira delas, baixo o título “Acompañándote, Todos e todas contamos”, trátase dunha formación en materia de voluntariado social, de 20 horas de duración, en modalidade semipresencial. Impartirase online e contará con sesións presenciais na Casa da Cultura. As prazas son limitadas e o custe é de 10 euros. Trátase dun proxecto que pretende formar ao voluntariado nos procesos de acompañamento ás persoas (infancia, maiores, enfermas ou dependentes, etc.). O acto de acompañar, que a simple vista pode resultar doado, comporta interiorizar certas ferramentas para non levar ao persoal a vivencia e realidade de quen acompañan.
No segundo caso, o curso leva por título “Formación en primeiros auxilios e uso do desfibrilador”, avalado pola SEMFIYC, o Consello Español de RCP e homologado polo Consello Europeo de RCP (ERC). Celebrarase o 30 de xuño, na Casa da Cultura. De catro horas e media de duración, terá lugar entre as 16,30 e as 21 horas. As prazas tamén son limitadas e, o custe de participación, é de 10 euros. Neste caso, entre os contidos a abordar está o recoñecemento de forma rápida dunha parada cardiorrespiratoria; aplicación das técnicas de permeabilización da vía aérea, incluíndo as medidas iniciais ante a obstrución por un corpo estraño (atragoamento); realizar unha reanimación cardiopulmonar de alta calidade, ou utilizar o desfibrilador dunha maneira eficaz e segura.
En todo caso, os cursos terán unha bonificación do 100% para aquelas persoas que se viron afectadas laboralmente polo COVID-19 (cese de actividade autónoma, regularización de emprego (ERTE) ou despido motivado pola mesma situación entre o 18 de marzo e a finalización do estado de alarma).