Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño sumaranse á Rede Provincial de Espazos de Coworking cun centro dedicado á transformación de produtos do agro
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe o convenio de colaboración cos concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño para financiar as obras de rehabilitación e acondicionamento dunha nave en desuso no recinto feiral municipal de Moeche e urbanizar a súa contorna para transformala nun centro de traballo colaborativo orientado á elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios.
O centro, de carácter comarcal, dará servizo aos concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, cuxos alcaldes, Beatriz Bascoy, Secundino García Casal, Alberto González e Benigno Galego estiveron hoxe no acto. A Deputación financiará o proxecto cunha achega de 103.545,99 euros, que supoñen o 66% do custe.
"O novo centro dará servizos a pequenos produtores locais dos concellos da zona, axudándolles a crear máis valor para os seus produtos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso , que explicou que o espazo de Moeche sumarase á Rede Provincial de Centros de Coworking que a Deputación iniciou en Oleiros e Brión (xa en funcionamento) e que se estenderá proximamente a outros municipios como Ames, Boiro e Carballo.
Esta rede aglutina distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia (viveiros de empresas, centros de negocios e coworking) e establece uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e emprendedores entre os distintos espazos que formen parte dela.
"Trátase de centros pioneiros polo seu carácter sectorial, pois están adaptados ás necesidades específicas dos sectores produtivos ou profesionais con maior demanda e potencial de cada comarca" explicou González Formoso, que incidiu en que a Deputación "xa conta con experiencia" na posta en marcha dun centro especializado no sector agropecuario, pois o coworking de Brión, en funcionamento desde 2019, permite transformar e dar saída comercial a moitos excedentes de produción que antes se perdían transformándoa en queixos, marmeladas, embutidos, conservas ou zumes que xa se están a comercializar en restaurantes, supermercados e tendas da comarca de Compostela.
Pola súa banda, Beatriz Bascoy, en nome dos catro alcaldes, afirmou que o convenio permitirá aos catro concellos dispor dun espazo que vai impulsar unha parte do sector primario. "Poder chegar a este obxectivo era prácticamente inviable para concellos pequenos e medianos coma os nosos sen a axuda dos fondos europeos e da Deputación", afirmou.
Dedicado á transformación alimentaria de produtos locais
As obras consistirán en adecuar a nave ás necesidades dun centro de transformación alimentaria de nivel comarcal, constituíndo así un complemento ás actividades que se veñen realizando no recinto ferial. Trátase de apoiar o desenvolvemento dos pequenos produtores da zona que, contando con pequenas cantidades de materias primas de grande calidade, precisan poder comercializalos en condicións adecuadas. A nova instalación distribuirase en tres grandes zonas, unha zona central de servizos comúns, unha zona para obrador hortofrutícola e outra zona para obrador de mel.
Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña pretende promover a sustentabilidade económica, social e ambiental da comarca; diversificar a economía de base local e apostar pola recuperación do sector primario. O centro servirá ademáis para dar viabilidade a moitas pequenas explotacións agropecuarias e a pór en valor a calidade dos produtos autóctonos da horta e do campo, que contarán con todas as garantías hixiénicas e sanitarias esixidas pola normativa vixente.
A creación deste centro, resposta a unha demanda reiterada por parte dos diferentes sectores de produtores e das diferentes asociacións, debido ás dificultades coas que se atopan á hora de engadir valor aos seus produtos debido ao tamaño reducido da meirande parte das explotacións, ao déficit de capacitación e formación no propio sector, e á escaseza de recursos para investimentos de mellora das pequeñas explotacións.