Adxudicada a redacción do proxecto constructivo para o abastecemento en Pantín
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo para a redacción do proxecto construtivo da obra de abastecemento a Pantín.
Os traballos foron adxudicados á empresa Alfredo Teijeiro Rodríguez por importe de 16.844 euros e contan cun prazo de execución estimado de 6 meses.
A rede actual de Valdoviño dá servicio aos veciños do municipio situados na metade occidental do municipio. Con este contrato Augas de Galicia dá resposta a solicitude de apoio nas competencias do Concello para poder levar auga á metade oriental do municipio, chegando nunha primeira fase a Pantín. Petición trasladada polo alcalde, Alberto González, nunha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e en diferentes conversas coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Trátase de asegurar o subministro estival neste núcleo de poboación onde se atopa a praia de Pantín, na que anualmente se celebra a proba internacional do World Surf League, consolidada como o maior evento de surf en Europa. O ano pasado reuniu a máis de 100.000 persoas.
Os traballos consisten na redacción dun proxecto construtivo para o abastecemento de auga a Pantín, considerando nunha segunda fase a continuación ata Vilarrube, por medio dunha canalización partindo de Valdoviño e recorrendo os principais núcleos de Pantín.
Nos traballos analizaranse as dúas alternativas de trazado existentes, ben pola estrada autonómica AC-566, ou por camiños municipais. Tamén se terá en conta a necesidade de dispor de grupos de presión ou válvulas redutoras, se fose preciso.
Actualmente, o Concello de Valdoviño capta a auga do encoro das Forcadas, que abastece a todos os municipios da comarca, incluíndo Ferrol. A auga é tratada na estación do Cameleiro e almacenada en tres depósitos, dous situados o pé desta instalación, e un terceiro situado no Graño.