Valdoviño, A Capela, Cerdido, Moeche, Neda e San Sadurniño acordan conxuntamente non abrir as instalacións das piscinas municipais para garantir a seguridade das persoas usuarias
Valdoviño, xunto aos concellos de A Capela, Cerdido, Moeche, Neda e San Sadurniño, comunicaron hoxe a súa decisión de non abrir as piscinas municipais este verán dadas as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID 19. Os/as representantes municipais adoptan este acordo tras analizaren entre todos/as o contido dos protocolos redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen unhas condicións que os concellos dificilmente poden asumir nin tampouco garantir o seu cumprimento.
Nesta decisión tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos déuselle prioridade á seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan gozar dun momento de tranquilidade. Neste sentido, a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles, como aseos, duchas e vestiarios. Valorouse tamén o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes.
O conxunto da normativa establecida polas Administracións parte de que os riscos asociados á COVID 19 están relacionados coa interacción entre persoas que acoden ás zonas de baño e, polo tanto, é fundamental garantir o distanciamento social, a desinfección e limpeza varias veces ao día de todos os elementos, limitar o tempo de permanencia das persoas usuarias e o aforo. De abriren as instalacións, os concellos deberían aplicar con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o acceso do habitual número de veciñas e veciños e, os que puidesen, terían que observar as normas restritivas de uso por mor da COVID 19.