O Concello inicia a demolición da antiga escola de Atios, en estado ruinoso, para habilitar un aparcadoiro que dé servizo ao centro de saúde e á casa da cultura
O Concello de Valdoviño habilitará un novo aparcadoiro anexo ao centro de saúde e da casa da cultura con capacidade para uns 30 vehículos. Ocupará os terreos municipais sobre os que ata o momento se levantaba a antiga escola de Atios, un inmoble en estado ruinoso cuxa demolición arrancaba esta semana a cargo da empresa Excavaciones Javier Ares. O avanzado estado de deterioro da edificación, coa cuberta completamente danada e graves danos infraestruturais nos muros de carga, tíñase convertido nun perigo para os viandantes tras os últimos temporais e, nos últimos meses, o Concello víase obrigado a clausurar o inmoble e vallar a zona de paso.
Ata ese momento, o edificio municipal era utilizado pola Asociación A Frouxeira, que vén de trasladar a súa actividade ao renovado local social de Aviño, tras a proposta efectuada polo Concello.
Nas vindeiras semanas, a zona someterase a unha profunda transformación e habilitarase a zona de estacionamento, moi necesaria neste espazo para dar resposta á demanda de aparcamento para os/as usuarios/as do centro de saúde e da casa da cultura. Así mesmo, coa posta en marcha nos próximos meses do primeiro centro sociocomunitario, tamén dará servizo a esta infraestrutura. Xunto ao aparcadoiro, habilitarase tamén unha zona verde.
Unha vez concluída a demolición, aproveitaranse parte dos escombros para prensalos e utilizalos na pavimentación da zona.