A Mancomunidade reelaborará o proxecto de promoción turística subvencionado pola Deputación para tratar de que repercuta máis directamente nas empresas locais
Os representantes municipais na Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol participaron hoxe nunha reunión telemática na que analizaron a reorientación do proxecto de promoción turística do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, para o que a Deputación acaba de conceder, de xeito provisional, unha subvención de 120.000 euros.
Todos os participantes estiveron dacordo en que é preciso centrar todo o posible o emprego deses fondos en que teñan unha repercusión o máis directa posible no tecido empresarial local. De feito, a propia Deputación solicitou formalmente que se reelaborase o proxecto tendo en conta as circunstancias actuais, xa que a memoria foi redactada antes de coñecer a gravidade desta crise. O novo documento, que terá que axustarse ás novas necesidades, deberá contar coa aprobación da institución provincial. A idea é que as accións que se poñan en marcha teñan en conta dous parámetros de forma simultánea: a promoción efectiva e o gasto na comarca. Dentro desa idea, analizouse, entre outras, a posibilidade de pór e marcha campañas de sorteos de bonos ou similares, que cumpren con esa dobre función.