Obxectivo prioritario do voluntariado do Concello de Valdoviño: nin unha soa persoa maior de 80 anos sen atención
Teresita, Lara, Alberte, Jorge… e así ata 26 homes e mulleres, veciños e veciñas de todas e cada unha das parroquias de Valdoviño, integran o grupo de voluntariado impulsado polo Concello para facer fronte ao coronavirus axudando a quen máis o precisa. Estudantes de psicoloxía, veterinaria, militares, farmacéuticos, autónomos… a súa actividade é moi diversa e a coordinación recae en Teresa, profesora con ampla experiencia en voluntariado (en entidades como Cruz Vermella e Asotrame). 22 deles/as están en activo, participando nos programas creados, e outros/as 4 na «reserva». Eses programas son 4: Axuda alimentos, Menciñas, Ao outro lado da liña e Traballo de Campo.
A través de Axuda alimentos, encárganse de recoller os pedidos en tendas e súpers e achegalos aos domicilios de persoas maiores que viven soas ou que se atopan en situación de vulnerabilidade. O mesmo ocorre en Menciñas, no que tamén contactan coas farmacias, envían imaxes das tarxetas sanitarias para testar os medicamentos, recollen e trasladan. Ao outro lado da liña é un programa de atención telefónica a través do cal os nosos e nosas voluntarios e voluntarias conversan con veciños e veciñas que precisan algo tan simple e vital como falar con alguén. E Traballo de Campo é unha nova liña de actuación que arranca esta semana cun obxectivo claro: detectar as necesidades das persoas maiores de 80 anos.
Para iso, os/as voluntarios/as percorrerán todas as nosas parroquias para interesarse por aqueles recursos que precisan dende o punto de vista social ou económico a raíz da situación xerada polo estado de alarma. A información recopilada darase traslado a Servizos Sociais para así tentar dar resposta ás necesidades.