Os concellos da Mancomunidade coordinarán as medidas fiscais para apoiar aos sectores máis perxudicados polo estado de alarma
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou onte pola mañá unha reunión por videoconferencia. Foi presidida polo presidente e alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e contou coa asistencia da totalidade dos representantes municipais que integran este órgano: os alcaldes Julio Iglesias (Ares), Carlos Ladra (Cabanas), Pablo Moreda (Cedeira), Juventino Trigo (Fene), Juan Domingo de Deus (Mugardos), Marián Ferreiro (Narón), Ángel Alvariño (Neda) e Alberto González (Valdoviño) e o segundo representante do Concello de Ferrol no pleno da Mancomunidade, Iván Rivas. Na reunión acordouse que os nove concellos coordinarán a adopción de medidas fiscais en relación co cobramento de taxas e impostos municipais coa finalidade de que se atenda á situación das persoas e actividades económicas máis perxudicadas pola declaración do estado de alarma, de forma adecuada e proporcionada.
Os concellos terán en conta as pautas marcadas polo Estado, A Xunta e a Deputación, e asesoraranse entre si tratando de que as medidas, aínda que se adapten ás circunstancias específicas de cada municipio, sexan coherentes co fin de que non existan disparidades entre concellos e os beneficiarios perciban con claridade o respaldo da Administración. A xuntanza tamén serviu para compartir información sobre a loxística despregada en cada concello en relación co acceso e distribución de material de protección fronte ao coronavirus, atención sociosanitaria, etcétera.
Os concellos destacaron o inmenso labor das persoas implicadas nestas tarefas e acordaron brindarse colaboración entre si a través dos respectivos servizos de Protección Civil no caso de que se detecte esa necesidade. Alén de dificultades técnicas iniciais, o encontro desenvolveuse correctamente a través de videoconferencia, polo que os asistentes acordaron fixar unha nova reunión por este mesmo sistema para o vindeiro mércores, día 8 de abril, ás 12.00 horas, mantendo a coordinación por outras vías ata esa data.