O Concello de Valdoviño activa un servizo de apoio a persoas afectadas de alzheimer e ás súas familias
O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da posta en marcha dun servizo de apoio e seguemento dirixido ás persoas afectadas de alzheimer e/ou outras demencias e ás súas familias. Un servizo que tentará dar resposta ás necesidades detectadas nos últimos días motivadas pola situación de confinamento. Prestarase a través de Afal -Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ferrol e comarca- e, nestes primeiros días, o equipo de profesionais estase a poñer en contacto cos/as veciños/as que acudían ata o momento ás terapias específicas que desenvolvía o Concello. A partir dagora, as familias que desexen acceder a este servizo deberán chamar ao teléfono 696 096 198 e activarase a asistencia.
A través do mesmo, ofrecerase asesoramento ás familias para manter unha rutina activa e pautas para facilitar o coidado nesta situación de confinamento. Tamén, se poñerá a disposición das familias exercicios de estimulación cognitiva para desenvolver no propio domicilio e tentar así manter as capacidades.
En caso necesario, prestarase tamén apoio psicolóxico ás familias e un servizo de préstamo de produtos de apoio para facilitar o desempeño das actividades da vida diaria no domicilio.