As terapias para persoas afectadas de alzheimer trasládanse ao Centro de Saúde
As terapias específicas para as veciñas e veciños afectados de alzheimer e outras demencias comezarán a realizarse no Centro de Saúde de Valdoviño. Un traslado, dende a antiga escola de Atios, derivado do avanzado estado de deterioro deste inmoble. Agravado nos últimos días polos temporais. Disto daba conta esta mañá o Concello de Valdoviño que, xunto a Afal, poñían en marcha os talleres a finais do mes de febreiro.
En todo caso, as terapias específicas de estimulación cognitiva continuarán celebrándose os mércores e xoves de 18 a 20 horas, e o Concello anima ás familias a interesarse polo proxecto e sumarse ao mesmo.
Un proxecto co que o Concello quere mellorar a atención ás persoas afectadas de alzheimer e outras demencias, contribuíndo ao seu benestar social e ao respiro familiar das persoas coidadoras. A inscrición está aberta e as persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial e teléfono 981 48 70 41 extensión 5) ou en Afal (teléfono 981 37 06 92).