Voces femininas no mundo da arte e da cultura protagonizaron o Día da Muller en Valdoviño
Valdoviño celebrou onte á tarde na Casa da Cultura o acto central da súa programación con motivo do Día da Muller. Un acto conducido pola xornalista valdoviñesa Elisa Piñón que arrancaba coa lectura da declaración institucional do Día da Muller a cargo da concelleira de Educación, Jessica Sabín, e continuaba coa proxección da curta «Matria». A partir de aí, iniciábase unha interesante mesa de diálogo na que Cecilia Grandal, Noelia Uceira e Stefanie Pasterkamp, veciñas de Valdoviño e vencelladas á cultura e á arte, daban a súa persoal visión da situación da muller no mundo da arte, ao tempo que compartían as súas vivencias persoais no campo da música, o cine e a educación, respectivamente. Ao remate, o alcalde, Alberto González, agradecía a súa participación e entregáballes uns cadros en recordo desta xornada, que concluía cunha visita guiada á exposición «Galicianas».