Premio para Valentina Pena Bustabad, deseñadora da mascota do Océano Surf Museo
O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García, fixeron entrega á pequena Valentina Pena Bustabad dun lote de libros sobre surf en recoñecemento ao seu espléndido traballo creativo, gañador do certame convocado polo Océano Surf Museo para elixir á mascota das instalacións neste 2020. O acto tiña lugar onte á tarde, previamente ao central do Día da Muller en Valdoviño. Valentina ten tan só 4 anos e é estudante de 5º curso de Educación Infantil no CPI Atios de Valdoviño. A súa imaxe, unha balea multicor, espertou a admiración do xurado, que destacou do deseño a súa creatividade, trazo firme e seguro, imaxinación e capacidade para imprimir alegría ao debuxo.
No acto, estivo acompañada da súa familia e, no mesmo, a concelleira de Cultura avanzoulle que o seu deseño será protagonista dun Obradoiro de ilustración que o Concello programará nas vindeiras semanas.