A mostra “Galicianas. Mulleres galegas facendo historia” chega a Valdoviño
A Casa da Cultura de Valdoviño inaugura este venres exposición: «Galicianas. Mulleres galegas facendo historia», da asociación Vai Rañala Meu! A partir de entón, o horario de visitas será de martes a domingo de 12 a 14 horas e de 16 a 19 h. Ata o 22 de marzo.
Este proxecto, co que o Concello de Valdoviño abre o programa de actividades para celebrar o Día da Muller, non pretende máis que ser unha pequena pinga no mar das diferentes estratexias e metodoloxías que se están a desenvolver no país arredor da visibilidade e posta en valor das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. A exposición nace coa vontande de chamar a atención, non tan só sobre aquelas mulleres recoñecidas, se non tamén sobre aquelas que de xeito anónimo e silenciado traballan e traballaron en prol da nosa terra.
A exposición acubilla a mulleres de diferentes perfís e condicións sociais que desenvolveron a súa actividade en calquera ámbito de actuación, dende a ensinanza ata a empresa, dende o laboratorio ata o fogar, dende a cultura ata o activismo social.
«Galicianas» nace como unha exposición viva que pretende continuar medrando de xeito orgánico, aumentando vagóns a este tren imparable que non ten máis destino que a construción dunha sociedade xusta e igualitaria.
E ESTE DOMINGO…
Así mesmo, este domingo 8 de marzo celebrarase o acto central da programación baixo o título «As voces femininas no cine, na arte e na realidade patriarcal». Unha mesa redonda protagonizada por Cecilia Grandal, Fátima Grandal, Stefanie Pasterkamp e Noelia Uceira. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19 horas, dirixida por Elisa Piñón Hermida e, ao remate, establecerase un coloquio co público asistente. Así mesmo, no transcurso do acto, proxectarase a curta «Matria», de Álvaro Gago e levarase a cabo un percorrido guiado pola propia exposición «Galicianas».