Simulacro de incendio na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia
Pequerrech@s e mestras da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia tomaron parte o pasado venres nun simulacro de incendio nas instalacións. Unha iniciativa que completaba a formación recibida polas profesionais hai unhas semanas no marco do plan de autoprotección do centro. Segundo Previnem, a empresa encargada de guiar a actividade, nenas/os e docentes pasaron con nota a proba. Unha acción que seguía de preto o alcalde, Alberto González, e a educadora familiar, Iria Rodríguez.
Nesta liña, o rexidor agradecía especialmente a participación da Policía Local e dos Bombeiros de Ferrol, claves no simulacro.
Todo comezaba coa simulación dun pequeno incendio nun dos interruptores da entrada. Rosi, a directora do centro, convertíase entón en xefa de Emerxencias temporal e ordeaba a evacuación, axudada de María, docente na Aula da Natureza. O traslado das nenas e nenos realizábase con celeridade na búsqueda do punto de encontro, situado na pista deportiva anexa e, ao mesmo tempo, Rosi alertaba aos servizos de Emerxencia e procuraba sofocar o fume ficticio co extintor.
Rapidamente, os axentes da Policía Local chegaban ás instalacións para facerse cargo da situación, comprobaban que nenas e nenos estaban a salvo, comunicábanse cos bombeiros e acordonaban a zona, cortando o tráfico. De seguido, chegaba o camión dos Bombeiros de Ferrol, que desplegaban os medios para sofocar definitivamente o suposto incendio. Ao final, todos/as eles/as pechaban a acción coa foto de familia.