@s estudantes do CPI Atios, gardiáns da píllara
Concienciar sobre a necesidade de compatibilizar a protección da píllara e outras aves coa tenencia e disfrute das mascotas na contorna do areal e lagoa da Frouxeira guiou o proxecto educativo impulsado hai tres anos nas aulas de Educación Primaria do CPI Atios. Capitaneado pola profesora María Ruán, nenas e nenos centráronse durante o primeiro ano en coñecer o valor da preservación destas especies e, ao seguinte, convertíronse en ilustradores para deseñar debuxos que invitan a sumarse a esa protección. Esta mañá daban un paso adiante nese proxecto da man do Concello de Valdoviño e da Deputación provincial da Coruña. Martelo en man, os/as estudantes encargábanse de instalar unha serie de paneis informativos con eses debuxos elaborados nas aulas. Permanecerán aí, na entrada á lagoa, durante un tempo para concienciar á veciñanza e, posteriormente, pasarán a decorar o inmoble contiguo, a modo de exposición permanente.
O alcalde, Alberto González, explicaba que, tras coñecer o proxecto realizado polo cole, o Concello apostou por sumarse ao mesmo propoñendo a creación dos paneis, xa que a concienciación a través da educación é clave.
Así mesmo, esta acción acompañouse dun paseo guiado polo entorno a cargo de Carla Soaje e Daniel Monteagudo, da empresa ECOTONO. Foron eles os encargados de explicar aos estudantes de 1º e 3º de Primaria, xunto aos seus mestres Alba López, Guillermo Gómez, María Ruán e Amalia Fontes, a riqueza medio ambiental da lagoa e praia da Frouxeira. Tamén de profundizar nese respecto pola súa flora e fauna e, nomeadamente, de protexer a especies únicas como a píllara. Un paseo acompañado da observación directa do medio a través de prismáticos e telescopios.