Empresas e profesionais autónom@s locais sentan as bases para iniciar novas relacións de colaboración
Un total de 46 empresas e profesionais autónomas/os déronse cita onte á tarde no auditorio da Casa da Cultura para participar na xornada organizada polo Concello de Valdoviño. O obxectivo, segundo explicou o alcalde, Alberto González, estaba claro: facilitar un espazo de encontro no que as diferentes firmas puidesen coñecerse entre si e dar a coñecer os seus produtos e servizos, e promover deste xeito relacións de colaboración entre elas. Con esa filosofía participaron todos os/as presentes, abordando a necesidade de establecer sinerxias e tamén proxectos conxuntos. Ademais, solicitaron a efectiva implicación da Administración local nas accións de dinamización económica que se emprendan. Cuestión que o alcalde valorou moi positivamente.
As actividades económicas dos negocios que acudiron á cita foron moi diversas e variadas, dende aquelas centradas na horta ecolóxica, comercialización de árbores e prantas e servizos de silvicultura, ata peixería, pasando polo sector textil, carpintaría metálica, construción, instalacións eléctricas, servizos funerarios, lavandería, ensinanza, actividades de animación, fisioterapia, transporte en taxi, consultoría, hostalería e restauración, aloxamentos, axuda a domicilio ou avogacía.
Así mesmo, o Concello elaborará agora un directorio de empresas cos datos facilitados e co ánimo de poder convocalas a novas reunións informativas, abríndose a posibilidade de difundir esta base de datos, que quedará aberta para ir incorporándose entidades, e poderá publicitarse na web municipal.