Montse Funcasta inaugura na Casa da Cultura “Valdoviño, lugar de constrastes”
A fotógrafa Montse Funcasta inaugura este venres, 14 de febreiro, a mostra «Valdoviño, lugar de contrastes». Será na Casa da Cultura de Valdoviño a partir das 20,30 horas nun acto aberto á veciñanza.
A través desta exposición, a artista proponse relatar en forma de imaxes os seus momentos fotográficos máis visuais e lúcidos desta contorna, destacando as súas espectaculares postas de sol, os seus emblemáticos paseos e os lugares, en definitiva, que conforman esta mostra que nos ensina eses espazos que merecen a pena visitar sen présa.
Para Montse Funcasta, «Valdoviño sempre sorprende, pola súa beleza salvaxe, pola súa costa infinita salpicada de areais de ondada intensa e enérxica, pola diversidade da lagoa de Frouxeira e mesmo polas posibilidades artísticas do encoro das Forcadas». Así, a artista considera que «ben sexa a pé, na práctica de deportes náuticos ou da man da arte da fotografía, todo iso fai desta contorna un lugar para gozar».
Admite que dende hai tempo a fotografía é a súa disciplina favorita para o goce destas paisaxes. En concreto desde o ano 2012, no que iniciaba a súa formación na arte da fotografía paisaxística e o retrato da man de profesionais da talla de Rocío Brage, Eloy Taboada, Fran Nieto, Alicia Seoane ou Edu Pérez Gil, no Campus Universitario de Ferrol estudando as diferentes técnicas que conforman o seu selo persoal.