Arranca en Valdoviño o Programa Integrado de Emprego dirixido a mulleres
Fomentar e promover a igualdade entre homes e mulleres xunto co reparto equitativo do coidado da familia e das tarefas domésticas figuran entre os obxectivos do Programa Integrado de Emprego que impulsa a Mancomunidade de Concellos de Ferrol en colaboración coa Xunta de Galicia. Un programa que onte pola mañá arrancaba en Valdoviño. Na casa consistorial, o alcalde, Alberto González, e o xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá, daban a benvida ás 11 mulleres participantes. Deste xeito, Valdoviño é, tras Narón, o municipio con maior participación nun proxecto que aspira, como mínimo, a lograr que o 35% das participantes logren a súa entrada no mercado de traballo.
O alcalde subliñaba a importancia deste tipo de accións e informaba de que onte mesmo arrancaba a etapa formativa, cunha primeira xornada centrada no cooperativismo. Para facilitar esa necesaria conciliación, as participantes tiñan á súa disposición o servizo do Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. A partir dagora, poderán elixir a dirección na que enfocarán o seu futuro profesional, cunha oferta formativa centrada en ámbitos como a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; operacións auxiliares de servizos de administracións xerais; auxiliar de comercio; alimentación: carnizaría/chacinaría; hostalería: actividades auxiliares de restaurante/bar e outros sectores.
Valdoviño participa no Programa Integrado de Emprego xunto aos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón e Neda. A administración autonómica e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria, subvencionada con 207.000 euros, dos 230.000 euros do custe total do proxecto.