I Certame de fotografía anterior a 1970
O Concello de Valdoviño convoca o I Certame de fotografía tomada con anterioridade a 1970 no propio concello. Trátase dun proxecto promovido co fin de recompilar e divulgar documentos fotográficos para tratar de reconstruír a historia do concello, e asemade, utilizar unha selección de fotografías para ilustrar o calendario municipal do ano 2015.
As bases de participación no concurso son as seguintes:
Participantes
Poderá participar calquera persoa maior de idade que sexa propietaria de fotografías tomadas con anterioridade ao ano 1970 (como data aproximada de referencia) en Valdoviño.
Temática
As fotografías presentadas teñen como obxecto reconstruír fotograficamente a historia do concello polo que a temática estará relacionada con Valdoviño, a súa xente, os costumes, historia, modos de vida, tradicións, personaxes relevantes e curiosos, paisaxes, todo o que poida ser obxecto de plasmar a historia gráfica do concello.
Non se aceptarán traballos con contidos contrarios á legalidade vixente, contrarios ao dereito de honra, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas (-RD.1/1996 de 12 de abril polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual. LO 1/1982 de 5 de maio de protección civil de dereito ao honor, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe.) Igualmente, descartaranse aqueles que non se adapten ás presentes bases e que non reunan un mínimo de calidade.
Procedemento
Poderán participar todos os propietarios de imaxes fotográficas realizadas con anterioridade ao ano 1970 (data aproximada).
As fotografías deberán ser orixinais, entendendo como tal, que a peza presentada se corresponda co momento en que se tomou a fotografía.
Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías.
Poderanse presentar en formato dixital ou en papel.
Non serán aceptadas as fotografías realizadas con fotomontaxe, as reproducións recentes, nin fotografías sobre as que o participante non teña dereitos de uso e difusión, polo que a través de documento adxunto, o participante manifestará que garante ao Concello de Valdoviño que é o único titular de todos os dereitos sobre as fotografías que presenta, e se responsabiliza totalmente, de non existiren dereitos de terceiros nas obras presentadas así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe. O Concello de Valdoviño, resérvase o dereito a quedarse con duplicado das fotografías presentadas en formato papel ou dixital coa finalidade de poder divulgar o seu contido. En todo caso serán respectados os dereitos de propiedade e de autor.
Presentación
As fotografías poderán presentarse desde o 24 de outubro ao 24 de novembro.
As fotografías en papel presentaranse na Casa de Cultura no horario de atención ao público. A fotografía orixinal escanearase e devolverase a orixinal ao propietario/a.
As fotografías dixitalizadas enviaranse ao enderezo info@concellodevaldovino.com indicando como asunto Iº CERTAME DE FOTOGRAFÍA ANTERIOR A 1970 CONCELLO DE VALDOVIÑO.
Finalizado o prazo de presentación, todas as fotografías aparecerán na páxina web do Concello cun número propio.
O Concello de Valdoviño poderá pedir en calquera momento ao propietario a presentación de orixinais das fotografías.
Os participantes acompañarán a fotografía coa seguinte documentación que estará a disposición dos interesados na propia Casa da Cultura e tamén na páxina web do Concello:
- Ficha cos datos persoais do propietario e cos datos que coñeza sobre a fotografía que se presenta.
- Autorización expresa para que o Concello de Valdoviño poida publicar as fotos e poida realizar unha exposición pública das mesmas e declaración xurada de que o participante é o autor ou propietario e tén todos os dereitos de uso e difusión da fotografía presentada.
Xurado
Integrado como mínimo por un representante do Concello de Valdoviño e dúas persoas con recoñecida capacidade para valorar este certame fotográfico. Os compoñentes do xurando son María Cristina Freire Aneiros, José María Goiriz Díaz, José Luis Hermida Bouza e José Antonio Vigo Lago. Os criterios de avaliación serán a autenticidade, calidade fotográfica e artística e sobre todo, o valor documental da fotografía.
Axudas á colaboración
As 16 fotografías que a criterio do xurado sexan máis representativas da historia do concello pasarán a formar parte do calendario municipal do ano 2015 e os propietarios das fotografías seleccionadas recibirán como axuda pola colaboración, un vale de 100 euros. Os nomes publicaranse na páxina web do Concello.
Realizarase un sorteo de cinco vales de 60 euros cada un ante a secretaria do Concello entre os participantes propietarios das fotos recibidas que non foron seleccionadas para formar parte do calendario. O sorteo será público e informarase da data de celebración a través da web do Concello. Publicarase tamén na web o nome dos propietarios e/ou autores das fotografías.
Os vales obxecto de sorteo terán que ser gastados antes de finais do ano 2014 en calquera establecimento comercial do concello de Valdoviño que elixa a persoa afortunada. Se o propietario do establecemento elixido manifestara o seu desacordo deberase escoller outro local para facer o gasto.
Todos os vales entregados terán carácter simbólico e o importe a recibir como axuda pola colaboración será ingresado nas contas bancarias que correspondan. A entrega dos vales simbólicos realizarase o domingo día 14 de decembro en acto público.
Todas as fotografías pasarán a formar parte dun arquivo fotográfico dixital propiedade do Concello de Valdoviño que se publicará na páxina web www.concellodevaldovino.com
O Concello de Valdoviño resérvase o dereito de difusión ou publicación de todas as fotografías presentadas así como de reproducir as obras seleccionadas no tamaño que considere oportuno.
O participante acepta que a súa fotografía sexa visible, na web do Concello de Valdoviño, en exposición pública e nas redes sociais das que participe a título oficial o Concello de Valdoviño. As fotos non se utilizarán con fins comerciais.
O Concello de Valdoviño decidirá sobre os asuntos non previstos nas bases e reservase o dereito a iniciar en calquera momento acción legais contra as persoas que presenten ao amparo destas bases, documentos fotográficos suxeitos a falsidade .
A presentación de fotografias a este concurso implica o coñecemento e conformidade coas bases establecidas.
Fotografías premiadas: Premios do I Certame de fotografía anterior a 1970.
Ata o 24 de novembro