Igrexa de Lago-Monte Esperón: Ruta Sur
- Distancia: 38,5 km.
- Tempo estimado: Variable en función das paradas realizadas, do tipo de vehículo usado e do uso ou non das variantes propostas.
- Altitude (máxima/mínima): 337 m / 3 m.
- Desnivel acumulado: 833 m.
- Pendente (máxima/mínima): 16,60% subida, 15,00% baixada.
- Accesibilidade: A pé, bicicleta, automóbil.
- Partida e chegada: 43º 35.630N, 008º 09.853W.
Esta ruta permitiranos coñecer unha boa parte do concello, concretamente a zona leste do municipio. Ao tratarse dun trazado circular permítenos establecer calquera punto do seu percorrido como saída e chegada deste. No caso que nos ocupa e para facer a descrición, establecemos como punto de partida o adro da igrexa parroquial de Lago.
Nota: os contidos da ruta que aparecen en negra fan referencia a variantes sobre o trazado principal.
Km 0,000 Saímos da igrexa de Santiago de Lago, a construción relixiosa máis salientable do municipio.
Se deixamos a entrada da igrexa ás nosas costas, xiramos cara á nosa dereita e atravesamos a estrada AC-116 para tomar a pista que hai de fronte.
Km 0,050 Tan só percorridos os primeiros 50 metros atopámonos cun cruceiro culminado coa cruz de Santiago.
Km 0,350 Xiramos á esquerda. 50 metros máis adiante xiramos á dereita e continuamos sempre á fronte ata o quilómetro 1,9, no que chegamos ao aparcadoiro da praia da Frouxeira. Gocemos da panorámica do areal e do seu complexo de dunas. Xiramos 180 graos e volvemos sobre os nosos pasos ata o km 2,5, no que xiramos á dereita. Continuamos de fronte.
Km 3,000 Á dereita. 50 metros máis adiante xiramos á esquerda e comezamos un lixeiro descenso. Seguimos de fronte.
Km 4,100 Alcanzamos un cruzamento en costa, no que xiramos á dereita, accedendo a unha pista que nos levará directamente ao faro da Frouxeira.
Km 6,500 Zona de gran beleza, cunha panorámica impresionante e con atractivos como o faro da Frouxeira, a ermida do Porto, a praia da Frouxeira (vista dende Meirás), o Alto de Campelo e as antigas baterías militares.
Unha vez gozado do espectáculo e estiradas as pernas xiramos sobre os nosos pasos e voltamos pola mesma pista que nos trouxo ata aquí.
Km 8,000 Antes de chegar ao campo de fútbol de Meirás (Misael Prieto) xiramos á dereita e iniciamos un descenso.
Km 8,500 Vistas das distintas calas de Meirás. Xiramos e voltamos sobre os nosos pasos ata o quilómetro 8,600, no que xiramos á dereita. Continuamos de fronte, deixando á nosa esquerda o cámping Fontesín, ata alcanzar o quilómetro 9,800, no que xiramos a dereita. Continuamos de fronte. A estrada neste tramo ten continuos tobogáns.
Aínda que continuaremos de fronte, aquí ofrécesenos unha alternativa que é a de desviarnos no quilómetro 10,100 á dereita e achegarnos á praia de Meirás. Este cambio no trazado incrementaría en 2 quilómetros (entre ida e volta á praia) o total da ruta.
Km 12,000 Pasamos por diante da igrexa de San Vicente de Meirás.
Neste punto ábrese unha segunda alternativa ao noso percorrido, e para os máis aventureiros, a suba ao Alto de Campelo (3 quilómetros de suba e outros tantos de baixada a incrementar ao noso percorrido inicial). Para iso xirariamos a man esquerda.
Continuamos co noso trazado inicial deixando á nosa esquerda a igrexa de Meirás.
Km 12,300 Alcanzamos o cruzamento do supermercado da Cooperativa de Meirás. Voltamos á estrada comarcal AC-116, xiramos á esquerda.
Km 13,100 Chegamos á rotonda de Cantodomuro e tomamos a primeira saída á dereita, en dirección a Sequeiro. Seguimos de fronte.
Km 14,000 Ollo neste cruzamento, xa que é doado pasarse de longo. Tomamos a man esquerda seguindo o indicador de Sequeiro e seguimos de fronte ata alcanzar a igrexa de Santa María no km 15,500.
Km 15,500 Igrexa parroquial de Sequeiro. Unha vez visitada, xiramos á esquerda deixando o templo nesa mesma man e continuamos de fronte. Percorridos 50 metros máis atopámonos cun cruceiro no lado esquerdo da calzada.
Km 16,000 Á esquerda, accedendo a unha recta asfaltada nos seus 300 primeiros metros, despois cambia o firme e pasa a ser unha pista de terra. Continuamos sempre de fronte por ela, atravesando varios cruzamentos de pistas da parceira que surxen a ambos lados.
Km 17,200 Chegamos de novo a unha pista de asfalto. Xiramos a man dereita.
Km 17,500 Igrexa, cemiterio e adro de San Bartolo. No cruzamento xiramos á dereita. Seguimos sempre de fronte. Neste tramo deixaremos un bonito cruceiro á nosa esquerda e algo máis adiante á nosa dereita unha casa de pedra, hoxe restaurada, que no seu día foi cárcere e casa consistorial de Valdoviño.
Km 18,100 Chegamos a unha estrada principal, a AC-566, na que xiramos a man esquerda en descenso.
Km 19,100 Lugar de Mosende. Á nosa esquerda deixamos restos de varios muíños de auga. Tomamos a pista da dereita, cunha curva pronunciada e en lixeira suba. No quilómetro 19,500 imos abandonar momentaneamente a ruta xirando a man esquerda uns 50 metros, co fin de ver un dos hórreos máis grandes do municipio. Volvemos ao cruzamento anterior e continuamos o noso ascenso, sempre de fronte.
Km 21,500 Xiramos a man dereita (AC-5404) e entramos momentaneamente no municipio veciño de Narón.
Km 21,650 Superado á nosa dereita o Restaurante Montesol xiramos a man esquerda, abandonamos a AC-5404 e iniciamos unha pronunciada suba (con pendentes do 14%) ao monte. Continuamos subindo de fronte.
Km 23,400 Imos tomar unha pronunciada curva en forte pendente e con firme de terra -sobe ben en coche e con moito esforzo en bici-. Estamos nun parque eólico, moito coidado co vento. A recompensa desta suba témola 150 metros máis adiante; unha das mellores panorámicas (probablemente a mellor a nivel de chan) de toda a Costa Ártabra. Unha vez deleitada a nosa vista iniciamos o descenso, para o que seguimos de fronte.
Km 23,600 Xiro á dereita.
Km 23,700 Á esquerda, voltamos ao asfalto.
Km 24,000 Pronunciado xiro á esquerda en descenso.
Km 24,200 Xiro á dereita.
Km 25,000 Seguimos de fronte e entramos de novo no concello de Valdoviño. Neste tramo hai abundantes restos arqueolóxicos.
Km 26,500 Abandonamos de novo o asfalto para subir por un dos ramais do parque eólico de Novo. Moito coidado co firme de terra. Subimos entre muíños de vento.
Km 28,500 Fin do ramal do parque e punto para gozar doutra boa panorámica da Frouxeira e o seu lago. Voltamos sobre os nosos pasos pola pista de terra ata chegar de novo á de asfalto.
Km 30,000 Xiramos á esquerda.
Km 30,500 Xiramos á esquerda.
Km 31,800 Xiramos á esquerda: AC-2502. Sempre de fronte e en descenso.
Km 34,800 Xiramos á esquerda e incorporámonos á AC-566. Pasamos o mercado municipal e a Casa de Cultura.
No quilómetro 35,600 do noso percorrido propoñemos a terceira alternativa ao trazado inicial para os que queiran baixar ata a praia e seguir sen asfaltar a pista que bordea o lago da Frouxeira. Para iso xirarán neste punto á dereita, continuarán de fronte ata alcanzar a rotonda da praia na que tomarán á esquerda para seguir sempre de fronte.
(*) Os que optasen por esta opción incorpóranse de novo á ruta principal no quilómetro marcado neste texto como 37,300, AC-116.
Km 37,000 Rotonda de Robles. Tomamos a primeira saída á dereita: AC-566.
Km 37,300 (*) Saída da pista da lagoa, (para os que salen desta xiro á dereita) continuamos de fronte.
Km 38,500 Voltamos ao punto de partida. Igrexa de Santiago de Lago.