O Concello pon en marcha terapias específicas para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias
O Concello de Valdoviño, municipio solidario co alzheimer, impulsará terapias específicas para as persoas afectadas a partir desta semana. Así o avanzou o alcalde, Alberto González, para sinalar que o obxectivo é mellorar a atención aos veciños e veciñas que padecen esta enfermidade e tamén procurar un respiro familiar para os seus coidadores. Así, Afal guiará as terapias cada semana. Serán mércores e xoves, de 18 a 20 horas, no local da Asociación A Frouxeira, moi próximo ao centro de saúde e á casa da cultura.
Os talleres están dirixidos a persoas afectadas de alzheimer ou outro tipo de demencia nunha fase inicial ou moderada, de cara a traballar as súas capacidades a través de terapias de estimulación cognitiva. Deste xeito, o alcalde anima ás familias a interesarse polo proxecto e apunta que a inscrición está aberta tanto no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5) como na asociación Afal (teléfono 981 37 06 92).