- Galego
- Español
- English
Tarxeta xente nova
Regular unha tarifa específica aplicable ao colectivo de persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral incluídas na categoría de xente nova (persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos).
Tarifa aplicable á xente nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia.
Á xente nova aplicaráselle unha tarifa de 0 € nas viaxes en metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito do Plan de transporte metropolitano de Galicia, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por persoa usuaria.
O medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa para a xente nova é a Tarxeta metropolitana de Galicia Xente Nova (TMG Xente Nova).
Beneficiarios
Pode ser titular da TMG Xente Nova calquera persoa con idade comprendida entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos.
Emisión da tarxeta
- Solicitar cita nesta páxina: http://tmg.xunta.gal/xente-nova-que-e
- Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca máis próxima. Non é necesaria unha conta asociada.
- Presentar na oficina o DNI do titular . A tarxeta é gratuíta. No caso de menores de 18 anos, deberá solicitala o representante legal, que presentará o DNI de ambos e o libro de familia ou documentos equivalentes.
- Máis información en http://tmg.xunta.gal/xente-nova-que-e | Correo electrónico: tmg@xunta.gal
Procedemento de aplicación da tarifa para a xente nova
A persoa titular da TMG Xente Nova aboará con cargo á súa tarxeta os desprazamentos que realice en calquera dos servizos de transporte público integrados nas áreas de transporte metropolitano de Galicia implantadas. Sen prexuízo da posibilidade de utilización da TMG Xente Nova para o pagamento dun maior número de viaxes, a tarifa para a xente nova dará dereito ao reintegro do 100 % do importe das viaxes metropolitanas interurbanas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.
Quincenalmente, a Xunta de Galicia procesará os datos das viaxes pagadas con TMG Xente Nova para calcular os datos dos reintegros que deben operar respecto de cada tarxeta, e os días 5 e 20 de cada mes poranse á disposición das persoas titulares destas tarxetas os reintegros que lles correspondan para a súa aceptación nos caixeiros da/das entidade/s financeira/s colaboradora/s.
As persoas usuarias disporán dun prazo de dous meses para aceptar o reintegro desde a data en que este se pon á súa disposición. No caso de non aceptar a recarga dentro do devandito prazo, esta recarga caducará e perderán o dereito a percibila. As persoas titulares poderán consultar en calquera momento o estado das súas recargas na páxina web: http://tmg.xunta.gal/consulta-tarxeta
Obrigas das persoas titulares da TMG Xente Nova
A TMG Xente Nova será de uso exclusivo da súa persoa titular, quen se responsabiliza da súa custodia e correcto uso, e estará obrigada a comunicar á entidade financeira en que se expedise a súa perda ou deterioración para proceder á súa substitución ou anulación.
Extinción do dereito á tarifa para a xente nova
Cando a persoa titular da TMG Xente Nova cumpra os 19 anos de idade, perderá o dereito a beneficiarse desta tarifa, aínda que a poderá seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.
Normativa
Orde do 8 de agosto de 2016 pola que se regula o establecemento dunha tarifa específica para a xente nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia (DOG nº 161 do 20/08/2016).