Deportes
As características de Valdoviño, coas súas praias e co encoro das Forcadas, fano un concello con moi boas instalacións deportivas naturais. Especialidades como o surf, o bodyboard, o paddle surf ou o piragüismo teñen aquí un escenario inmellorable. De feito en Pantín celébrase unha proba do Mundial de surf (Pantín Classic), unha do Galego de surf e outra de kayakpolo (que en 2015 foi a sede do Campionato do Mundo: Campionato do Mundo de kayaksurf en Pantín) e na Frouxeira dispútase o Campionato de España de surf.
Pero a maiores, Valdoviño conta cunha serie de infraestruturas deportivas municipais, nas que practicar os deportes máis demandados. Son:
- Pavillón do Longoiro. Polideportivo situado en Meirás, no que ademais do espazo para a práctica de deportes colectivos como fútbol sala, baloncesto ou balonmán, existe un ximnasio no que se ofertan clases de aerobic, ximnasia de mantemento ou iudo.
- Campos de fútbol. O campo de Mourente substituiu ao de Atios como principal referencia futbolística, aínda que os dous son utilizados por equipos da localidade. Os equipos de Meirás e Vilaboa tamén contan cos seus respectivos campos, Misael Prieto e O Lameiro, de titularidade privada.
- Piscina. Valdoviño ten unha pequena piscina descuberta na parroquia de Lago. Debido as súas dimensións e apertura é axeitada para o tempo de lecer no verán.
- Clube Náutico das Forcadas. O encoro das Forcadas ofrece multitude de posibilidades aos amantes dos deportes náuticos. O Concello conta con diversas embarcacións e un pantalán dende o que adentrarse no mundo da vela ou do piragüismo.
O interese dos veciños polo deporte maniféstase na existencia de numerosas asociacións e clubes, como son: Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, Centro Deportivo Rosalía de Vilaboa, Club Arco A Frouxeira, Club Deportivo Team Bacariza Sport, Club Náutico As Forcadas, Escola de fútbol base Amistade Meirás, Meirás Club de Fútbol, Sociedad Deportiva Valdoviño ou Unión Deportiva Lago.