A deputada de Servizos Sociais visita as obras do primeiro Centro Sociocomunitario de Valdoviño
O alcalde, Alberto González, e a deputada provincial de Servizos Sociais, Ana Lamas, realizaban esta mañá unha visita ás obras de rehabilitación do antigo mercado municipal de Valdoviño para convertilo no primeiro centro sociocomunitario da localidade.
Esa primeira fase a piques de concluír contou cun orzamento de 236.295,01 euros que cofinanciaron Deputación, Xunta e Concello. As obras contemplaron a ampliación da superficie útil do inmoble mediante a cubrición da zona de soportais do exterior; a demolición das escaleiras de acceso e a construción dunhas novas; comunicouse a nova planta baixa coa primeira a través dun ascensor e creouse nese primeiro andar un espazo diáfano.
Hoxe en día tamén están en marcha as obras da segunda fase, moi avanzadas, por importe de 59.900 euros. Os traballos inclúen neste caso actuacións en materia de electricidade, iluminación, fontanería e acabados, así como a redistribución dos aseos e cuarto da limpeza, e a instalación do pavimento.
Unha e outra fase teñen o mesmo obxectivo: a rehabilitación integral do antigo mercado municipal para usos sociais. As dependencias sitúanse á entrada da parroquia de Valdoviño, na estrada de Cedeira, e na área de influencia do Centro de Saúde, do Auditorio, do Museo do Surf e da Casa da Cultura. O edificio actualmente alberga as dependencias da Garda Civil e do Xulgado de Paz, aínda que a maior parte da súa superficie, noutrora mercado, estaba en desuso tras a xubilación da titular do único negocio que durante anos ocupou o inmoble. Así, antes do inicio das obras, o local utilizábase como almacén municipal.
Rematadas as actuacións en marcha, e unha vez que a situación de alerta sanitaria o permita, a edificación destinarase a usos sociais, asociativos, de ocio, culturais e mesmo deportivos. Tamén será un espazo de encontro, reunión e actividade para os veciños e veciñas. Compatibilizará estes usos coa celebración de charlas divulgativas, accións formativas…
Así mesmo, o Concello xa traballa nunha terceira fase, para o que buscará financiamento doutras administracións.