O Concello abre o prazo de inscrición nos campamentos de verán, que se celebrarán este ano en Pantín e Aviño
O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello de Valdoviño reedita a súa aposta polos campamentos de verán Concilia Tempos co ánimo de favorecer a conciliación da vida laboral e o coidado dos nenos e nenas por parte das familias. O prazo de inscrición está aberto, ata o 25 de xuño, e as persoas interesadas no servizo deben anotarse chamando ao departamento municipal de Servizos Sociais no 981 48 70 41 extensión 5.
Este ano, as actividades descentralizaranse en Pantín e Aviño e levaranse a cabo entre os meses de xullo e setembro -ata uns días antes do inicio do curso escolar-. Celebraranse de luns a venres, de 8,30 a 14 horas e están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 14 anos e o custe por mes é de 40 euros -cun 20% de descontos para familias numerosas-.
Como soe ser habitual, as actividades no remodelado local social de Aviño están pensadas para nenos e nenas de 3 a 5 anos e priorizarán o uso da zona exterior, incluíndo cancións, contos, manualidades, xogo libre e actividades relacionadas coa natureza.
No local social de Pantín, desenvolverase o programa para nenas e nenos de 6 a 14 anos, en dous grupos. Na oferta de actividades haberá roteiros, xogos, investigación, deportes, convivencia, valores, tempos de praia...
Iso si, en todo caso, aplicaranse as medidas sociosanitarias establecidas con grupos reducidos e desenvolvendo a maior parte das actividades en exterior.
Na inscrición, terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño e familias con actividade laboral.