Aprobadas exencións no pago da tasa do lixo para empresas e autónomos obrigados ao cese de actividade polo COVID-19
Empresas e traballadores/as autónomos/as que se visen obrigados ao peche ou cese de actividade a raíz do estado de alarma imposto polo COVID-19 poderán solicitar unha exención do pago da tasa do servizo de recollida do lixo. Así o aprobou o executivo municipal que preside Alberto González na reunión da Xunta de Goberno Local celebrada no día de onte. Foi esta unha das medidas anunciadas no último pleno, celebrado a semana pasada. Un pleno no que o goberno municipal daba conta das iniciativas que se están a levar a cabo tanto de apoio aos sectores económicos como no ámbito dos servizos sociais.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da casa consistorial e, aprobadas, descontarase o importe correspondente ao periodo de cese de actividade.
Esta medida súmase ao desconto que xa aplica Viaqua e, con ela, o alcalde, Alberto González, explica que o Concello quere axudar a aliviar as cargas fiscais que soportan os negocios locais.
Hostalería
Así mesmo, dende o Concello lémbrase que en Valdoviño non existe tasa por instalación de terrazas en dominio público, co que ningún establecemento está a abonar cuantía algunha.