Entrevistas a nais do século XXI para conmemorar o Día da Muller en Valdoviño
Baixo o título «Entrevistas a nais do século XXI », Concello e movemento asociativo reunirán a diferentes mulleres para falar dos diferentes tipos de familia e das súas vivencias e realidades. Será mañá martes a partir das 18 horas no auditorio da Casa da Cultura, nun acto que conducirá José Ángel Fernández Díaz, e co que Valdoviño conmemorará o Día da Muller. Silvia Freire, Sabela Álvarez, María Pilar Ferreira, Montse Piñón e Ana de Pablo tomarán a palabra para conversar sobre o seu día a día, amosando as diferentes realidades das familias, dende a monoparental ata a homoparental, pasando pola numerosa ou aquela que ten fillos/as con diversidad funcional, ou fillos/as adoptados/as. Unha diversidade que existiu sempre pero que en moitos casos estaba oculta de cara ao exterior.
Con entrada de balde, o acto está organizado polas Concellerías de Cultura e de Servizos Sociais, entidades culturais, deportivas e veciñais, ANPA e Asociación de Amas de Casa.
O mesmo concluirá coa actuación estelar do grupo de soul galego “VUDÚ”. Son Belém Tajes –voces e teclado- e Maritxinha –baixo e loops-. No ano 2016, a banda faise co premio á mellor canción en galego por «Eu son VooDoo» no certame Música Xove e, ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul. Deste xeito conseguen consolidarse no seu estilo, íntimo e elegante, e comezan a explorar novos formatos en directo até chegar á proposta que as define na actualidade: música íntima e elegante para «grandespequenos» momentos.
Co seu primeiro disco editado, «Vudú Vol III» combinan letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e tintes jazz e soul.
Vudú é unha música de esencia feminina, chea de sensualidade que pretende reivindicar a forza dos cantos tradicionais de Galicia.