“Ares e Valdoviño no mar”, novo proxecto de promoción do remo e o surf
A iniciativa obtivo financiamento dos fondos FEMP a través das axudas do GALP A Mariña-Ortegal e do GALP Golfo Ártabro Norte
Valdoviño, 10 de decembro de 2021. O proxecto de cooperación «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no mar» (2021-2022) está promovido polos Concellos de Ares e Valdoviño. Conta, tamén, coa colaboración de diferentes entidades clave nestes territorios, como é o Club de Remo de Ares e a Asociación de Escolas de Surf de Valdoviño, na que están agrupadas sete empresas que operan neste municipio.
O proxecto proponse, entre os seus obxectivos específicos:
-Realizar accións de sensibilización dirixidas a diferentes públicos, como o alumnado destas localidades, en particular, e o público adulto en xeral.
-Visibilizar a actividade mariñeira nos municipios de Ares e Valdoviño mediante dispositivos informativos sobre os produtos mariños e os colectivos, os areais e a práctica deportiva náutica (paneis didácticos itinerantes, rutas, obradoiros, visitas a equipamentos clave).
Nesta iniciativa adquire unha gran relevancia a transmisión de valores da sustentabilidade tanto no desenvolvemento da práctica deportiva (remo, surf) como nos sistemas de extracción artesanal, o cal afecta ao coidado do medio mariño e a biodiversidade no litoral.
Que se vai a realizar?
Entre as actividades previstas destacan as accións:
A DEFINICIÓN ESTRATÉXICA DO PROXECTO dará comezo neste mes de decembro de 2021. Neste labor de investigación, identificaranse os elementos clave relacionados coa actividade mariña, nomeadamente o espazo natural e as prácticas deportivas acuáticas por excelencia nestes territorios e que constitúen un sinal de identidade.
Durante a anualidade de 2022 executaranse as seguintes actividades:
-OBRADOIROS DE SENSIBILIZACIÓN DIRIXIDOS A ESCOLARES DE ARES E VALVOVIÑO. Xornadas de sensibilización na aula e saídas ao territorio, dirixidas a escolares de cada localidade nas que se tratarán temáticas relativas ao patrimonio litoral, o remo en Ares e o surf en Valdoviño e achegamento aos colectivos marisqueiros e da pesca.
-XORNADAS DE INICIACIÓN AO REMO EN ARES E BAUTISMOS DE SURF EN VALDOVIÑO. Sesións de achegamento á práctica do remo e do surf, dirixidas a escolares en cada un dos municipios, dirixidas por profesionais de cada sector.
-PROGRAMA DE RUTAS NO LITORAL PARA PÚBLICO XERAL EN ARES nas que se valorizará o patrimonio singular do litoral, a historia das localidades en relación aos colectivos do mar.
-VISITAS AO OCÉANO SURF MUSEO (OSM) DIRIXIDAS A ESCOLARES DE VALDOVIÑO, co ánimo de coñecer o elemento distintivo da localidade dende os anos oitenta, que xera emprego e transmite valores de coidado do medio mariño. Ademais, procederase á tradución ao inglés dos paneis internos do OSM de Valdoviño co ánimo de ampliar os públicos visitantes e dotarase de novas publicacións, nun equipamento que é o único museo especializado en surf do Estado e que se pretende promocionar con esta iniciativa.
-EXPOSICIÓNS DE PANEIS DIDÁCTICOS, nos que se recollerán testemuñas e historias dos colectivos da pesca e do marisqueo, do remo e do surf, as praias e litoral. Incorporarán audios e códigos QR.
-VISITAS DE ESCOLARES DE ARES AO CONCELLO DE VALDOVIÑO E VICEVERSA. Os escolares viaxarán ao municipio veciño para coñecer o seu litoral, as súas praias e a práctica do surf ou do remo, identificando as diferenzas na costa e as actividades económicas de cada localidade, ligadas ao mar.
O proxecto contará en breve cunha imaxe propia, que facilite a identificación das actividades de ARES E VALVOVIÑO NO MAR, dando comezo ás actividades de xeración de contidos para as accións de sensibilización na primavera do ano que vén.