Aprobadas 32 solicitudes de axudas para material escolar e 7 para gastos de transporte
Por primeira vez se convocaban subvencións para financiar os custes do transporte escolar para alumnado de Bacharelato, FP ou universitario
O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Servizos Sociais, vén de aprobar 32 axudas destinadas a sufragar material escolar e outras 7 para financiar gastos de transporte escolar. No primeiro caso, beneficiaranse das subvencións familias empadroadas en Valdoviño con nenos e nenas escolarizados nos niveis de Infantil, Primaria e Secundaria ou Bacharelato e FP e, no segundo, tamén se abría o programa ás familias con fillos/as estudantes universitarios. En suma, o Concello destinará unha partida de 5.270 euros.
Por primeira vez o Concello convocaba subvencións para axudar a financiar os custes do transporte escolar a alumnado de Bacharelato e FP de municipios limítrofes, así como estudantes universitarios.
Na convocatoria aberta pola Administración local, presentáronse 36 solicitudes, desestimándose 4 por non cumprir cos requisitos establecidos nas bases. A partir dagora, as beneficiarias teñen de prazo ata o 30 de setembro para adquirir o material. Na primeira quincena de outubro, deberán xustificar o gasto e, a partir de entón, o Concello abonará a subvención.
.