Aprobada inicialmente en pleno a modificación puntual do planeamento para regular a implantación dos campamentos turísticos

O seguinte paso será a súa publicación no DOG para sometela a exposición pública, e en paralelo, estanse a tramitar as autorizacións sectoriais

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da aprobación inicial en pleno da modificación puntual do planeamento para regular a implantación dos campamentos turísticos no municipio. Un paso máis no proceso iniciado a finais de 2019. Agora, o acordo plenario publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para sometelo a exposición pública, e en paralelo, o Concello de Valdoviño está a tramitar as necesarias autorizacións sectoriais.

O obxectivo da modificación é ordear a implantación de campamentos de turismo en solo rústico, como campings e infraestruturas para autocaravanas, e dar maior seguridade xurídica a estas instalacións, cunha crecente e forte demanda no municipio. Así, a normativa de Valdoviño adaptarase ao novo decreto aprobado pola Xunta, permitindo avaliar que espazos do territorio poden ser susceptibles de acoller este tipo de infraestruturas atendendo ás limitacións dende o punto de vista paisaxístico e patrimonial.

 

En resume, dará seguridade xurídica aos potenciais promotores, empresas e emprendedores/as, e establecerá unha implantación ordeada e respetuosa co medio.

Valdoviño conta hoxe con tres campings –un deles municipal, o de A Lagoa e outros dous  privados, Camping Valdoviño e Camping Fontesín (Meirás)- e unha área de estacionamento para autocaravanas, A Frouxeira Camperpark. En total, ofertan 616 prazas, o que convirte a Valdoviño, sumando outros establecementos hoteleiros –hoteis, hostais, casas rurais ou apartamentos turísticos- nun dos municipios da comarca de Ferrol con máis prazas, ata 778.