Aprobación definitiva dos orzamentos municipais de Valdoviño para o 2023

A corporación daba luz verde ás contas no pleno do 19 de decembro, pasando a exposición pública sen que se rexistrasen alegacións

Valdoviño, 17 de xaneiro do 2023. O Concello de Valdoviño arranca o ano con novos orzamentos. Sen votos en contra, a corporación aprobaba en pleno o documento mestre nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o 19 de decembro, pasando así a exposición pública. Superado este trámite, e sen que se presentasen alegacións, o Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a súa aprobación definitiva. Segundo explica o alcalde, Alberto González, as contas ascenden a 5.499.586,34 euros, equilibrando gastos e ingresos. Unha cifra que se prevé aumente ao longo dos próximos meses coa incorporación de novas partidas procedentes de achegas por parte doutras administracións, como as do Plan Único e Agader, ou a subvención concedida pola Xunta para a construción da nova escola infantil municipal ou a do Estado para a creación dunha plaza pública na contorna da Frouxeira. 

As contas seguen unha liña continuista respecto a exercicios pasados, priorizando o gasto social a través de programas como o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes ou o programa de Emerxencia Social para a protección das persoas máis vulnerables, servizos de conciliación como os almorzos saudables nos centros educativos ou o Punto de Atención á Infancia, cun esforzo extra para a cofinanciación trala entrada en vigor da gratuidade do centro. Así mesmo, o documento tamén contempla o aumento na partida destinada ao contrato de recollida de residuos sólidos urbanos formalizado a finais do pasado ano e que conlevará unha mellora substancial do servizo. 

En liñas xerais, os orzamentos seguen a buscar o obxectivo de facer de Valdoviño un concello onde poder desenvolver un proxecto de vida de calidade e con servizos, facéndoo atractivo para que as familias queiran fixar a súa residencia con carácter estable, cunha programación cultural e deportiva de máxima calidade, cunha selección de actividades formativas e de emprendemento atractivas e de interese para a xente, e potenciando tamén o turismo máis aló do periodo estival.