Alumnos e docentes do CPI Atios decláranlle a guerra ao sedentarismo a través do camiño a San Andrés de Teixido

Comeza unha peregrinaxe moi especial por etapas coa que o centro quere promover a actividade física e hábitos saudables entre o estudantado

Uns sesenta alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria do CPI Atios de Valdoviño iniciaban esta mañá unha particular peregrinaxe a San Andrés de Teixido coa que o centro quere combater o sendentarismo tan presente por mor da covid-19. Así o explica María Dolores Freire, profesora do centro e unha das «guías» da ruta xunto aos seus compañeiros docentes Antonio Rodríguez, Blanca Rivera e Rosa Pazos. 

Será unha peregrinaxe por etapas e vén precedida dun adestramento previo no que puxeron a proba a resistencia do alumnado realizando rutas á praia da Frouxeira. Esta mañá cubrían a primeira etapa, de 8,5 kms, dende o cole ata a Capela da Fame, un lugar máxico no camiño no que os antigos romeiros aproveitaban para repoñer forzas. E, tras as vacacións de Semana Santa, xa avanzan que continuarán coa iniciativa. 

O obxectivo é ben claro: realizar actividades en plena natureza, fomentando hábitos saudables e plantándolle cara ao sedentarismo. E, ao mesmo tempo, coñecer o territorio e os seus principais recursos naturais e patrimoniais. Na iniciativa, colaborou a Policía Local, acompañando no percorrido aos nenos e nenas.