Alberto González afronta o seu terceiro mandato co compromiso de continuar facendo de Valdoviño o lugar ideal para vivir e sentir

Apela ao traballo conxunto de todas as forzas políticas da corporación e da veciñanza, á que agradece a confianza para continuar co labor dos últimos 8 anos

Valdoviño, 17 de xuño do 2023. Alberto González era investido alcalde no pleno de constitución da nova corporación de Valdoviño. Afronta así o seu terceiro mandato, o segundo con maioría absoluta. Seguindo o guion previsto, a sesión daba comezo puntual ás 12:30 horas. A Mesa de Idade quedaba integrada por Benito Vega como concelleiro electo de maior idade e Tamara Sabín como edil de menor idade. A continuación, os concelleiros e concelleiras da corporación tomaban posesión, e co seu voto elixían ao alcalde. A corporación queda así constituída polos 7 concelleiros/as do PSOE; os/as 4 edís do PP e os 2 concelleiros/as do BNG. 

Na súa primeira intervención nesta lexislatura, Alberto González apelaba ao traballo conxunto con todas as forzas políticas e a veciñanza para continuar facendo de Valdoviño o lugar ideal para vivir e sentir. «Dúas palabras que nos teñen que guiar día a día nos próximos 4 anos», engadía. Tiña tamén un recordo para os dous alcaldes, José Antonio Vigo e Manuel Villarnovo, que finaron durante o último mandato, e un agradecemento moi especial aos traballadores municipais pola súa entrega durante a pandemia, así como á veciñanza de Valdoviño por amosar a súa cara máis solidaria. Asegurou que poñerá todo o seu empeño en dar resposta á confianza depositada e insistiu no compromiso de todos os concelleiros e concelleiras da corporación por traballar a favor da veciñanza. «Abrimos catro anos de futuro», concluía o rexidor.