Alba Santiago presenta este xoves na Biblioteca o seu segundo conto infantil, “Flor María y su granja de alpacas”

No acto, que dará comezo ás 19:30 horas, estará acompañada da profesora Sonia Corral e das melodías de Ramón Santiago

Valdoviño, 11 de xuño de 2024. A escritora Alba Santiago presentará este xoves na Biblioteca o seu conto “Flor María y su granja de alpacas”. Trátase da segunda publicación da autora que, como fixera coa primeira, “El Hogar de Enma”, elixiu Valdoviño, a súa terra, para presentala formalmente. Será a partir das 19:30 horas, nun acto aberto á veciñanza, no que estará acompañada da profesora do CPI Atios, Sonia Corral, coa que garda unha estreita relación dende a súa nenez, e máis de José Ramón Santiago, integrante do grupo Fanecas Band, que porá a nota musical.

Alba Santiago regresará pois á Biblioteca con esta última obra que, como a primeira, céntrase nos valores e, se “El Hogar de Enma” afondaba na loita contra o politicamente correcto e os tabúes, na liberdade de ser e de querer máis aló dos modelos tradicionais, “Flor María y su granja de alpacas” aborda o consumo responsable como unha mostra do amor polo planeta e polos seus habitantes.

O libro, editado pola editorial Babidi-bú, chegará ás librerías o vindeiro 24 de xuño. E en Librería Xeila, a de Valdoviño, podemos ir facendo reservas.

Alba escribe dende nena, e xa con dez anos, gañaba un dos premios do concurso de relato curto e poesía convocado polo  CPI Atios cun dos seus poemas, «Os amores». Ve a escrita como unha terapia, e sempre se acompaña dunha libreta  e dun bolígrafo. Tras concluír os seus estudos de secretariado, continúa hoxe formándose no mundo das  letras a través de talleres e obradoiros literarios.