Agrupacións locais e do resto de España daranse cita este sábado nunha nova edición do Encontro Folclórico de Lago
A cita está organizada pola Asociación de Veciños, xunto coa banda de gaitas e o grupo de baile Álvaro Cunqueiro e as cantareiras Algarabía
Valdoviño, 18 de setembro do 2024. A Asociación de Veciños de Lago, xunto coa banda de gaitas e o grupo de baile Álvaro Cunqueiro e as cantareiras Algarabía, organizan este sábado 21 de setembro unha nova edición do seu Encontro Folclórico. Será a partir das 19:00 horas na pista deportiva anexa ao local social, e nel, tomarán parte grupos e formacións tanto do municipio como doutros puntos de España tal que Ibiza e Valladolid.
O Concello colabora na cita, patrocinando a Foliada posterior coa que se pechará o encontro. Tamén a Deputación, apoiando a loxística necesaria, e a Diócese de Mondoñedo-Ferrol, coa cesión da casa rectoral de Lago para hospedar aos grupos chegados de fóra. O Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura, tamén puxo o seu gran de area cedendo material, e sobre todo, foi clave o apoio e traballo desinteresado que están a realizar as familias dos grupos locais e veciños e veciñas.
A banda de gaitas de Vilaboa será a encargada de inaugurar o Encontro, e tras ela, virá a actuación das Cantareiras Mestura de Meirás. Tomará o relevo o Grupo de Danzas Pedrajas de San Esteban, de Valladolid. Ao seu remate, e tras unha breve pausa, chegarán as actuacións dos máis pequenos do grupo de baile de Lago, do grupo folclórico Sant Josep de sa Talaia de Ibiza, das Cantareiras Algarabía, e do grupo de baile de adultos de Lago. E pechando, intervención de integrantes das entidades organizadoras, que tamén darán paso á foliada a cargo das formacións Os Carecos e Lenda Ártabra&Ghaldaripas coa que se pechará a cita.
Tanto dende a asociación veciñal como das agrupacións de música e baile tradicional de Lago convidan a toda a cidadanía a achegarse este sábado e desfrutar do Encontro.