AFundación trae a Valdoviño a exposición fotográfica “Nós tamén fomos emigrantes”

Alcalde e representantes de Abanca inauguraban esta mañá a mostra na casa da cultura coa asistencia de alumnado da ESO do CPI Atios, dos talleres de estimulación cognitiva do concello e do Espazo +60

Valdoviño, 23 de abril do 2026. A exposición fotográfica “Nós tamén fomos emigrantes” de Afundación xa pode visitarse en Valdoviño. O alcalde, Alberto González, presidía esta mañá a inauguración da mostra na casa da cultura. No acto participaban tamén Verónica Rego, coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación; Óscar López, director de zona de Abanca; Teresa Testa, directora da oficina de Abanca de Valdoviño, e Paula Ferreiro, da sede de Afundación en Ferrol, ademais das coordinadoras do Espazo+60 da cidade naval e de Pontedeume. Ademais, a expo contaba esta mesma mañá cos seus primeiros visitantes, un público moi especial integrado polos alumnos e alumnas da ESO do CPI Atios, ademais dos veciños e veciñas participantes nos talleres de estimulación cognitiva do Concello e das actividades dos Espazos+60.

A mostra está integrada por unha valiosa selección fotográfica da Axencia EFE, que amosa esa realidade histórica da emigración, galega e española. Son en total 40 imaxes sacadas coa mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Así mesmo, a expo vén acompañada da iniciativa Cultura por Alimentos, un programa solidario en colaboración cos bancos de alimentos de Galicia que convida á cidadanía a realizar doazóns de produtos non perecedoiros. 

A exposición forma parte do proxecto “Corrente Cultural”, unha aposta de Abanca e Afundación para promover a cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leva novas propostas máis aló dos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.

A partir de hoxe, poderá visitarse de luns a venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 horas.