Afundación inaugura en Valdoviño a mostra de fotografía “Auga. O sangue da terra”

A exposición de Manuel Valcárcel inclúese na Corrente Cultura por Alimentos e, con entrada libre, anímase ao público a visitala e facer as súas donacións co destino ao Banco de Alimentos Rías Altas

Valdoviño, 11 de abril de 2022. A partir de hoxe e ata o 15 de maio, a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Valdoviño acolle a mostra de fotografías «Auga. O sangue da terra». Chega ao noso municipio da man de Afundación, a Obra Social de Abanca, e esta mañá a súa responsable de Relacións Institucionais, Verónica Rego, e o responsable de Banca Institucional de Abanca en A Coruña, José Manuel Vilariño, asinaban o convenio de colaboración co alcalde, Alberto González. Acto seguido, e xunto á concelleira de Cultura, Rosana García, inauguraban a exposición que asina Manuel Valcárcel. Todos eles destacaban a compoñente social da mostra, incluída na corrente Cultura por Alimentos. A través da mesma, anímase ao público a entregar alimentos non perecedoiros na súa visita. ¿O destino dos mesmos? O Banco de Alimentos Rías Altas.

Na rolda de intervencións, Rosana García poñía en valor a vertente cultural, medio ambiental e social das fotografías, namentras que Verónica Rego destacaba a alianza co Concello para activar este tipo de iniciativas, claves para espallar os proxectos culturais con compromiso social polos que aposta Afundación e a Abanca polos diferentes concellos. Na mesma liña se pronunciaba José Manuel Vilariño, poñendo o acento na colaboración do Concello e no desexo da entidade de achegar a toda a cidadanía a invitación para acudir á mostra e lograr a súa implicación na campaña de recollida de alimentos. Finalmente, Alberto González agradecía o apoio de Abanca no plano cultural e tamén outros como o deportivo, a través do Pantín Classic. Sinalaba a forte vinculación da mostra co municipio, no que a auga é sinal de identidade a través dos seus quilómetros de costa, o seu mar interior e incluso a súa presenza no escudo, e animaba a veciños e visitantes a visitala.

Precisamente, a través da súa obra, o fotógrafo Manuel Valcárcel rende homenaxe á auga como elemento vital e motivo de unión, que debe ser coidado e protexido xa que marcará o devir das xeracións vindeiras. A súa visión do que foi, é e será a Terra e unha chamada á súa protección.

O horario de visita é: de luns a sábados de 12 a 14 e de 17 a 19 h e os domingos de 10 a 14 h. Durante a Semana Santa o horario será de 12 a 14 h.