Afal e o Concello de Valdoviño organizan o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias” para familias e persoas coidadoras

Co apoio da Mancomunidade, celebrarase na Casa da Cultura o 2 e 4 de novembro, con inscrición previa no departamento de Servizos Sociais

Valdoviño, 17 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño acollerá os días 2 e 4 de novembro o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. Impartido por Afal Ferrolterra, terá lugar na Casa da Cultura, en horario de tarde, de 16:30 a 18:30 horas. A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -981 48 70 41 ou correo servizos.sociais@valdovino.com-. Esta acción formativa é posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, e o apoio do Concello de Valdoviño. 

Na primeira das sesións previstas en Valdoviño, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.

Na segunda sesión tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.