Adxudicadas as obras de mellora da accesibilidade e o illamento no centro de saúde
Xunta de Galicia e Concello de Valdoviño cofinanciarán a intervención, cun investimento de 250.000 euros
Valdoviño, 4 de outubro de 2021. Nas próximas semanas arrancarán as obras na fachada do centro de saúde para mellorar a accesibilidade e o illamento do inmoble e facelo máis eficiente enerxeticamente. A Xunta de Goberno local adxudicaba os traballos á empresa Eulogio Viñal, a única oferta presentada ao concurso público aberto pola Administración local. Na intervención, Xunta e Concello investirán 250.000 euros. As obras contemplan varios frontes de actuación:
-Na cuberta do pórtico de acceso, procederase á retirada e desmontaxe das pranchas de fibrocemento e colocarase unha cubrición a base de paneis tipo sándwich e un novo canalón exterior na fachada sur. Así, converterase nun espazo máis confortable e resgardado da choiva.
-Na fachada, levaranse a cabo traballos de lavado con auga a presión e limpeza, colocacaranse viseras ou parasoles nos ocos das ventás e construirase unha fachada trasventilada a base de perfilería metálica anclada a paramentos, lana de roca e paneis modulares de tipo resina ou composite.
-Renovaranse as carpinterías para mellorar o rendemento enerxético.
-E executaranse obras auxiliares para mellorar a accesibilidade dende a beirarrúa e vial á explanada de entrada e traballos polo perímetro en beirarúas, aparcamento, de xardinería…